Como todos os anos, a Federación de ANPAS de Ourense en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade pon en marcha o proxecto de actividades de promoción da igualdade que ten como finalidade a prevención da violencia de xénero entre familias e alumnado dos colexios privados e concertados da cidade de Ourense.
Este ano 2022 o proxecto #EnRedes alinéase cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), en concreto co ODS4 e o ODS5, e diríxese a alumnado de educación secundaria, a pais, nais, familias e equipos docentes para facilitar a sensibilización, información, coñecemento e reflexión sobre a violencia de xénero e sobre o uso adecuado da internet e as novas tecnoloxías, empregando unha perspectiva de xénero como fío condutor.
O proxecto consta de dous tipos de actividades:
• Actividades co alumnado: Traballo na aula a través dos materiais facilitados e resolución de dúbidas nun obradoiro presencial desenvolvido por expertos/as.
• Actividades para as familias: Realización de podcast para recoller as dúbidas do alumnado e as respostas dos expertos/as para compartir coas familias e facelas partícipes do proxecto.
Todas as actividades estanse a desenvolver de outubro a novembro gracias á colaboración das familias, dos centros e do profesorado na súa execución.